21 noviembre 2013

Obradoiro Que Lío de Hilo



Este novembro volvemos á carga co gancho no Liceo Mutante e desta vez, acompañaranos a artista freelance Irina Melero de Qué Lío de Hilo. Esta Licenciada en Belas Artes convirte a súa afección aos fíos nunha forma de vida; a través do trícot e o crochet crea auténticas obras de arte.

Irina virá ó Liceo Mutante a impartir un obradoiro de gancho XXL, no que aprenderemos a ler patróns e dominar diferentes puntos para elaborar unha preciosa alfombra granny square feita a trapillo.

Para asistir a este obradoiro non se requiren coñecementos previos, ou sexa que non dubides en vir se non tes nin idea desta técnica. O único que precisarás son ganas e 2 nobelos de trapillo das cores que ti prefiras, diferentes ou iguais, e unha agulla de gancho do 10 ou 12.

Realizarémolo en dúas sesións, de dúas horas cada unha, os sábados 23 e 30 de novembro ás 16:30 no pisiño do Liceo Mutante e o prezo será de 16 euros para os socios mutantes e 20 euros para os socios Y.

Coma sempre, haberá límite de prazas, apura e inscríbete en tecequetece@gmail.com

Esperámosvos!

Para coñecer máis do que fai Irina, clica en queliodehilo.wordpress.com e goza.

Guardar