10 enero 2013

Obradoiro sobre Kyriarcado



Xoves 10 ás 20:00

Este é un obradoiro aberto a calquera persoa interesada na xustiza social e que estea buscando novas ferramentas para pensar e falar sobre discriminación, opresión e privilexio. A linguaxe será accesible pero o debate será profundo. Non fan falla grandes coñecementos teóricos, pero si moitas ganas de pensar.

‘Kyriarcado’, un termo que empezou a utilizar a teórica feminista alemana Elizabeth Schüssler Fiorenza, sérvenos para ampliar o debate sobre o patriarcado e levalo a ámbitos máis alá do xénero: orienzación sexual, raza/etnia, clase socia, diversidade funcional/discapacidade, aspecto físico, lingua, especie… Por exemplo, ¿como analizamos a dinámica de poder entre unha muller rica branca e un home pobre negro? ¿E a dinámica de privilexio entre unha muller que non teña ningunha ‘discapacidade’ recoñecida, e unha con parálise cerebral? Non nos chega falar de patriarcado: temos que falar de kyriarcado.

A actividade será moi participativa e incluirá dinámicas individuais e colectivas que nos axudarán a comprender os fundamentos do sistema kyriarcal e dos seus subsistemas, a reflexionar sobre como afectan ás nosas vidas, e a pensar sobre como podemos aplicar o pensamento interseccional a máis e mellor activismo.

O obradoiro está impartido por Xiana GF, quen ten dado outros obradoiros e charlas en distintos foros e asociacións. Xiana é estudiante de Ciencias Agrarias e Botánica en Cornell University (EEUU); autora do documental curto Vera, Lara (and visas), premiado no festival de cine GLBT Lesgaicinemad (Madrid, 2011) e proxectado noutros festivais internacionales; pensadora e blogueira en http://xianagf.wordpress.com/