Cineclube do Liceo Mutante: O enigma de Kaspar Hauser. Cada un para si propio e Deus contra todos


Mércores 10 de abril ás 21:00

Este mércores megullámonos na apaixoante historia de Kaspar Hauser da man do director alemán Werner Herzog.
O enigma de Kaspar Hauser. Cada un para si propio e Deus contra todos (Jeder für sich und Gott gegen alle, Werner Herzog, RFA, 1974, 110’, VOSG)

O 26 de maio de 1828 apareceu nas rúas de Núremberg un rapaz duns 16 anos aínda que de comportamento infantil. Incapaz de entender o que lle preguntaban, o rapaz portaba unha carta dirixida ao capitán do rexemento de Schmolishe que explicaba unha estraña procedencia…

http://www.contracampo.com.br/80/pgkasparhauser.htm

Entrada de balde

La Casa Fantom + Calixta


Este sábado velada moi especial no Liceo Mutante!

LA CASA FANTOM
Oslo (Noruega)
Dúo de baixo e batería que nace en Oslo no ano 2000, con xa case 500 concertos ás costas a día de hoxe. Un estilo moi personal y, como eles mesmos recoñecen, difícil de describir. Teñen un son único, en parte porque case todo o seu equipo foi construído por eles mesmos. Toman as súas raíces do punk e o hardcore, pasando por multitude de xéneros, expresando a súa música con intensidade, agresividade e emoción.

www.lacasafantom.com
www.youtube.com/watch?v=RhJ-1APfWik

CALIXTA
Monte Alto (A Coruña)
Meri e Anx facendo ruído con espíritu de grunge noventeiro soamente con guitarra e batera.

https://www.facebook.com/pages/CALIXTA/144438555728430?notif_t=fbpage_fan_invite

Abrimos portas ás 19.30 e as 20.00 comezará o concerto. Puntualidade ou quedades sen velos! A entrada será un donativo de 4 euros que irán íntegramente para os grupos coma sempre!

Cineclube do Liceo Mutante: Matador de ovellas


Mércores 3 de abril ás 21:00
Despois do descanso da pasada semana o Cineclube do Liceo Mutante retoma a súa actividade coa proxección do filme de Charles Burnett: Matador de ovellas (Killer of Sheep, Charles Burnett, EUA, 1977, 83’, VOSG)

O filme está centrado no tempo libre melancólico que o protagonista -un traballador canso dun matadoiro – pasa coa súa familia e os seus amigos. A lenta consumición e o lento goteo deste tempo libre mentres el se vai carcomendo por dentro, é esencial para a experiencia da película.

Tamén alcanzamos a ver o protagonista no seu traballo, pero a maior parte do que sabemos do seu traballo e dos sentimentos que lle produce, provén de ver a súa alienación xeral e o seu esgotamento cando está na casa: reparando a pila da cociña, bailando coa súa muller no cuarto de estar, rifando ao seu fillo, rexeitando participar nun roubo planeado por uns veciños ou intentando arranxar un coche.
Tirado de : http://centrodecultivoscontemporaneosdelbarrio.wordpress.com/2013/02/24/este-miercoles-peli-killer-of-sheep-sopa-vegetariana/

Entrada de balde

Negro + Esperit!


Martes 2 de abril ás 20:00
Os protagonistas de dúas das noites máis máxicas xamais vividas no Liceo están agora mesmo xuntos, montados nunha vella Seat Inca que no seu día formou parte da flota de Telefónica, escoitando cintas e percorrendo a península nunha xira que ten parada, moi agardada, en Pontevedra. Son Mau Boada e Fer Junquera, máis coñecidos como Esperit! e Negro.

Que dicir deles? Pois que Esperit! é un simpático multiinstrumentalista que se agocha no Montseny, amigo do uso dos procesos caseiros, da melodía, da cacharrada e da improvisación con fins psicodélicos. Ten a misteriosa capacidade de transformar o ambiente dos lugares nos que toca nunha burbulla luminosa de ledicia enerxética na que dan gañas de quedar a vivir para sempre. Convén sinalar que no seu curriculum figuran proxectos como Zeidun, Omega Cinco o Les Aus, entre outros. Desta volta ven presentar o seu “Elèctric Mustela”, logo de deixarnos coa boca aberta no seu día co “Endavant Continu” e o fabuloso compartido con Atomizador.

https://vimeo.com/31248469

https://vimeo.com/43563296

Pola súa banda, Negro, saído da canteira levantina e curtido en proxectos como Balano, Estrategia Lo Capto! ou La Orquesta del Caballo Ganador, trae aínda quente o seu “Formación del Espíritu Nacional”, discazo lento, cheo de calma e de luz, no que sobrevoan ecos de Derek Bailey, Jim O’Rourke, John Fahey ou Loren Connors. Fer non necesita máis que a súa guitarra para subir ó público na súa alfombra máxica e facer unha visita guiada pola noite dos tempos. Folc anestésico, preguiceiro e vaporoso. Engadir que en Pontevedra é o único lugar do mundo onde se presta a tratar de reproducir coa guitarra os sons de fenómenos naturais que soliciten os cociñeiros de hamburguesas retirados que haxa entre o público.

http://www.playgroundmag.net/musica/articulos-de-musica/reportajes-musicales/escucha-integro-el-segundo-y-experimental-album-de-negro-formacion-del-espiritu-nacional

https://vimeo.com/51764704

Isto é un “must” deses. Avisados quedades.
Por só 4 euros de donativo para os artistas.
O martes día 2 de abril ás 20.00 h. (Avisamos: puntualidade inglesa).

Cartaz da xira realizado por Clara Iris

Festa de presentación de “Onkalo” con Cro!


Sábado 23 de marzo ás 19.30
Os amigos de Cró veñen a saldar unha débeda pendente que tiñamos con eles, a presentación do seu novo LP “Onkalo” no Liceo Mutante. Coma todo o mundo debería saber, son uns musicazos tremendos adestrados nas artes dun rock máxico e desafiante que pasa polo progresivo ao post-rock, a música de cinema ou o post-hardcore sen esforzo aparente, non sexas manatí en terra e ven pasar a tarde ó Liceo con eles que ademáis temos preparadas varias sorpresiñas para amenizar a velada, ademáis da habitual comida a prezos de risa e demáis por só 4 euros de donativo que irá integramente para a banda.

http://spacecro.bandcamp.com/

Sede puntuais porque nós o seremos e non vos convén quedar sen ver este acontecemento!

Cando caia o sol haberá pinchada en vinilo!!!

Cineclube do Liceo Mutante: A nosa música


Mércores 20 de marzo ás 21.00

“O principio do cinema: ir cara á luz e facer brillar esa luz na nosa noite. A nosa música”
JLG en A nosa Música

Esta semana proxectaremos o filme de Jean Luc Godard, A nosa música (Notre Musique, Jean Luc Godard, Francia/Suiza, 2004, 80′,VOSE)

” Godard evita, finalmente, o artificio, porque dende un nivel ético posiciónase contra a loucura humana. Contra a barbarie, contra a guerra. A nosa música constrúese sobre a base de tres actos de referencia dantesca. No primeiro, o Inferno, recolle, aglutina e dá forma ao terror da guerra. Utilizando imaxes do cine clásico (de Griffith a Eisenstein, de Ford a Cy Enfield), de televisión e de documentais, intactas ou retocadas dixitalmente, JLg obríganos a acordarnos dos xenocidios que tiveron lugar en diferentes eras, da potencia das novas armas, da loucura das guerra, en definitiva. O segundo acto, o groso da película, é, non obstante, máis terrible. Tanto pola proximidade temporal e xeográfica que nos vincula á guerra balcánica coma pola sensación de baleiro, de perda, que se desprende das imaxes: a ponte e o mercado citados, os outeiros dende os que os serbios disparaban contra a poboación, a biblioteca en ruínas onde un testamenteiro voluntarioso trata de ordenar novamente a vella cultura. Godard recolle en imaxes (posto que en moitos casos os diálogos que as acompañan viaxan noutra dirección) as cicatrices, perdurables, que pode deixar unha guerra. [...] En última instancia, ironicamente, Godard deixaranos enxergar o paraíso. Unha estreita franxa de praia boscosa, máis alá da nosa mirada, onde Adán lle ofrece a mazá a Eva custodiada polo exército.”
Antoni Peris Grao

Entrada de balde

Cineclube do Liceo Mutante: Conspiradores do Placer


Mércores 13 de marzo ás 21.00
Jan Švankmajer é un director, poeta, escultor, artista gráfico e unha das figuras máis importantes do surrealismo checo.
Esta semana proxectaremos o seu filme Conspiradores do placer (Spiklenci slasti, Jan Švankmajer, Rep. Chec., Suíza, Reino Unido, 1966, 85′, sen diálogos)
Crítica delirante da incomunicación e da soidade na que vivimos, deixando falar aos xestos, aos obxectos, ás accións estrañas dos seus estraños personaxes, nun entramado surrealista no que mestura o humor, o absurdo e o terror.
Seis historias que se entrecruzan con seis personaxes que tratan de fuxir da soidade e o aburrimento por medio de extravagantes fetichismos. Influenciado por Sade, Sacher Masoch, Max Ernst, Borowczyk, Hans Bellme ou Duchamp. Tras a extravagancia e a parafilia escóndese un berro a favor da liberdade, do pracer e da vida.

Unha pequena mostra:https://vimeo.com/49057324

Entrada de balde

Cineclube do Liceo Mutante: A terceira xeración


Mércores 6 ás 21:00
Esta semana proxectaremos a comedia negra do director alemán R. W. Fassbinder: A terceira xeración ( Die Dritte Generation,Rainer Werner Fassbinder,RFA, 1979, 105′ VOSE)

“Unha comedia en 6 partes sobre xogos de sociedade, chea de intriga, provocación e lóxica, crueldade e loucura, parecida aos contos que se contan aos nenos para axudalos a soportar a súa vida de enterrados vivos” (R.W. Fassbinder)

Entrada de balde

Comunicado do Liceo Mutante


A Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante quere poñer de manifesto a súa disconformidade coa orde municipal que insta a devandita asociación o cese na súas actividades musicais polos seguintes motivos:
- O noso Local Social, sito na rúa Rosalia de Castro, 100 da cidade de Pontevedra foi sé da SC Salcedo así como tamén de Igrexas Evanxélicas, onde se viñeron realizando, históricamente, eventos musicais e sociais de todo tipo sen supor problemas de seguridade para os asistentes, un dos motivos expostos polo Concello de Pontevedra para a execución de devandita orde.
- A nosa actividade está dirixida a cidadanía de xeito desinteresado, nun espazo autoxestionado e sen ánimo de lucro. Os donativos recaudados na entrada ós eventos son íntegros para os artistas que veñen expoñer o seu traballo ó Liceo Mutante. Consideramos que este servizo á comunidade forma parte da nova realidade na que a transformación social e o crecemento cultural pasa pola iniciativa cidadá, á marxe dunhas institucións públicas cada vez máis castigadas polas políticas de austeridade.
- Reivindicamos o traballo feito ata o momento, consolidándonos coma espazo de referencia e situando a Pontevedra no mapa da cultura alternativa.
- A nosa iniciativa cultural afástase dos circuitos comerciais, dando cabida a expresións artísticas que difícilmente teñen posibilidades de difusión noutros espazos, engandindo a non existencia de actividade comercial,polo que o noso funcionar pouco ten que ver con competencias desleais cara o sector hosteleiro de ocio nocturno. A nosa labor está a colaborar co desenvolvemento dunha Pontevedra en crecemento impedindo o soterramento da diversidade cultural.
- A asistencia ós nosos eventos dista moitísimo de ser masiva, polo que rexeitamos calqueira comparación con catástrofes como a do Madrid-Arena ou similares.
- O nacemento do Liceo Mutante, así como a ubicación do seu Local Social no barrio de Mollabao, lonxe de ser unha molestia para a veciñanza, está a ser o motor revitalizador dunha zona en decadencia esquecida polos poderes públicos, polo cal contamos co apoio dos veciños para continuarmos coa nosa actividade.
Por estes motivos, a Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante, reunida en Asemblea Ordinaria de Socios o pasado xoves 21 de febreiro de 2013, acorda, por unanimidade nos votos dos asistentes, retomar a programación de concertos no noso local social. O perigo de desaparación da asociación de persistir esta situación, así coma o noso convencemento de que non somos un perxuízo para ninguén e moito menos para os nosos socios asistentes ós eventos, empurrounos a tomar esta decisión.
Apelamos ó sentido común e á sensibilidade cultural dos responsables municipais para que se nos permita seguir adiante de maneira digna e íntegra coa nosa proposta, pois consideramos que xa contamos co respaldo dun amplo sector social da cidade e doutros puntos da contorna xeográfica. O noso compromiso coa cultura, desinteresado e libre non debería ser obxecto de persecución por parte das institucións públicas.
Longa vida ó LICEO MUTANTE!

Cineclube do Liceo Mutante: Noite e Néboa + As estatuas tamén morren


Mércores 27 ás 21.00
Esta semana o Cineclube do Liceo Mutante adícalle a súa sesión ao director francés Alain Resnais, cunha dupla proxección: por un lado proxectaremos Noite e Néboa, o seu documental sobre as políticas de exterminio do terceiro reich, e tamén As estatuas tamén morren, filme feito con Chris Marker no que a través da arte africana dan conta da miseria do colonialismo

Noite e Néboa(Nuit et Brouillard, Alain Resnais, Francia,1956, 32′,VOSE)

“Cando Alain Resnais presentou Noite e néboa no Festival de Cannes de 1956, o manto de seda que cubría os rostros febles da nova humanidade, sostido polo boom capitalista do consumo e a chamada cultura de masas acabada de nacer, caeu por terra definitivamente. Porque a película de Resnais non era simplemente un informe sobre os campos de concentración, sobre o rexistro detallado e meramente documental da súa posta en evidencia, era máis ben unha profunda reflexión acerca de imposibilidade da representación; unha reflexión sobre a memoria como esixencia necesaria de resistencia ante os resultados dunha praxe nacida das entrañas dun discurso enfermo e totalizador.”
Artigo enteiro de Hernán Silvosa en español: http://www.planocenital.com.ar/2007/11/noche-y-niebla-la-memoria-como-resto.html

As estatuas tamén morren (Les statues meurent aussi,Alain Resnais Chris Marker, Franza, 1950, VOSE, 30′)

“”Cando os homes están mortos, entran na historia. Cando as estatuas están mortas, entran na arte. Esta botánica da morte é o que nós chamamos a cultura”. Así empeza a película de Marker e Resnais, unha reflexión sobre como a cultura negra foi absorbida por Occidente e explotada comercialmente. Les statues meurent aussi propón unha meditación sobre o empeño inútil da arte de burlar á morte e é un dos primeiros films que denunciou abertamente a colonización francesa en África. Un documental prohibido durante máis de dez anos e cortado pola censura francesa nun terzo da súa duración orixinal que serve como pé para reflexionar sobre como o cine se enfronta aos procesos de aculturación. ”

Entrada de balde