10 agosto 2014

Quen puidera ver os elefantes (Isaac Xubín)



10576921_675641092511933_5266284881688784364_n

Luns 11 de agosto ás 21.00

Primeira representación. A visión dos elefantes a baixar polos Alpes como metáfora dun xeito especial de camiñar e de mirar. O diálogo con outros poetas e coa música, esa sorte de matemática falada que nos axuda a executar linguas alleas e opacas.

O poeta Isaac Xubín presenta o seu espectáculo Quen puidera ver os elefantes, baseado en tres momentos que xiran ao redor de tres experiencias persoais relativas a nomes propios. Cada parte atópase precedida dunha pequena introdución con referenzas a clásicos galegos e rematan cun recitado da súa obra e unha peza ad hoc interpretada con flauta e con whistle.

«A viaxe á illa»: http://vimeo.com/101748691

Isaac Xubín é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega. Como creador ten publicado obras de poesía: Elementos de matemática (2002), Lisboa (2004) e Con gume de folla húmida (2012), poemario co que obtivo o premio da XXIV edición do Certame Eusebio Lorenzo Baleirón; e de narrativa curta: Château Bobcat (2009) e Le pied de Julien DuPuy (2011), ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela.
Como profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro, foi lector de lingua e cultura galegas no Colexio Universitario de Cork entre os anos 2009 e 2012. Na actualidade escribe a súa tese de doutoramento, centrada na relación entre literatura e gastronomía. Como tradutor publicou traducións entre as que destacan a escolma poética Sete poetas vascos e Pasaia Blues, de Harkaitz Cano.

Como deportista afeccionado xogou ao rugby no Mareantes de Pontevedra e no Universidade de Vigo. Tamén xoga ao fútbol gaélico en Cork e vestindo as cores da Selección Galega participou no histórico encontro internacional Galiza-Bretaña, celebrado en Narón o 21 de xullo de 2012. Mantén un blog de rugbi no xornal electrónico Praza Pública, Melé a cinco.

A entrada é de balde