21 junio 2018

San Xoan Mutante



cabecera calidad_web

Sábado 23 de xuño ás 21.00

Madrugada de san Xoán,
madrugada máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día

Outro ano máis, o Liceo Mutante acollerá a festa de san Xoán! Ven celebrar a chegada do verán a Mollavao.
O solsticio é o punto de inflexión no que o planeta Terra, a bailar cal buxaina, volve poñer o seu eixo en vertical. Este feito tan peregrino sérvelle de escusa ao ser humano para levar a cabo rituais pagáns co fin de espantar o meigallo ou purificarse. Whatever. O caso é armar unha boa danza.

Pola tarde iremos recoller as herbas para lavar a cara ao día seguinte: fiúncho, abeloura, malva, romeu e estraloques. As portas do Liceo abriranse ás 9 da noite. Para entreter o akelarre mutante sete das mellores pinchas han seleccionar temas musicais cos que menear o bullarengue. Trae calzado cómodo porque as túas solas han suar sangue!

E para non desfalecer, as chefs mutantes han preparar unha boa variedade de comida vexetariana. O apartado gastronómico queda cuberto con diversos pratos pantagruélicos, feitos cos mellores produtos da horta logo das colleitas desta primavera chuviosa e fértil.

Pero unha noite de san Xoán non é tal se non hai fogueira. O lume purificador acenderase ás 12 da noite, como é mester. Bota nel todos os papelotes que queiras queimar, como as facturas impagadas, os flyers da discoteca na que non te deixaron entrar ou ese cupón da ONCE que non tocou. Ollo non tropezar ao saltar a cacharela hipnótica, que temos botiquín pero mellor se non fai falta usalo!

Todo isto por só 3 euros estratéxicos. A festa é kid friendly, polo que a rapazada é benvida. Recorda usar as papeleiras e reutilizar os vasos, porfi, para colaborar na organización desta festa. E non roubedes as cancelas da veciñanza!

Hoje é sábado, amanhã é domingo, não há nada como o tempo para passar