Xoves 23 de xuño ás 21.00: San Xoán no Liceo Mutante
San Xoán Mutante!!
Foi na noite de San Xoán co recendo das sardiñas,
Co ceo aberto e a fogueira prendida,
Bailando cumbias, deixando a invernía.
Esquecendo os problemas mollados no pan,
Queimando agonías e o dano que fan
Lembras aquel solsticio de verán?
Foi no Liceo Mutante aquela noite escasa
Desde as nove ata marchar para a casa
Saltando a fogueira por ver que pasa
Coa ría brillando coa lúa menguante
Mollabao recibiunos en traxe elegante
Lembras aquel eterno amor mutante?
Foi mollando a cara coa auga das herbas
Mesturada coa xiada lavando as eivas
Erguéndose limpo, coas mans ceibas.
A música, o lume, a bebida e as brasas,
A noite máis curta que o ano regala,
Lembras aquela ledicia na cara?
Pois eu non lembrarei esa noite se ti non formas parte dela. Cumbia, sardiñas, chourizos, delicias veganas, refrixerios varios… Desde ás 21:00 h no Liceo Mutante, con aforo limitado e por só 2 euros cun refresco ou unha caña de regalo e todo o amor mutante incluidos na entrada (veciños do barrio Mollabao entrada de balde).
Vén festexar o Solsticio de Verán con nós.