Este vernes día 8 teremos a representación desta peza do escritor e historiador libertario norteamericano Howard Zinn, na súa versión en galego realizada por Pepe Sendón.
A obra, céntrase na estadía de Marx no Soho londinense, onde chega coa súa familia tras ser expulsado de media Europa. Vive nun mísero apartamento que aluga cun nome falso e non sempre pode pagalo. Pero a loita diaria pola supervivencia non lle impide emprender, nun esforzo caótico e febril, a redacción da obra da súa vida: O Capital, unha análise crítica e científica da economía capitalista.
A peza comeza cando despois de moito protestar, un comité de ultratumba permítelle a Karl Marx volver ao mundo dos vivos durante unha hora. Un erro burocrático provoca que o seu espírito apareza en Santiago, materializándose nun anónimo transeunte. Marx volve para limpar o seu nome e deixar as cousas claras.
Vén disposto a falar das súas ideas e de como foron mal interpretadas e da súa vida: persecución e desterro, penurias no Soho, traxedias familiares, libros, erros, debates sobre o que foi o comunismo, o que non foi e o que ha de ser. Moitas cousas que contar e pouco tempo para falar. Tempo abondo, iso si, para descubrir que entre a actual crise e os días que Marx viviu, a humanidade non cambiou tanto.
5 noviembre 2013