10 diciembre 2018

Ubaldo + Montse Piñeiro & Mateo Mena



ubi

Sábado 16 de decembro ás 20.30

Ubaldo é un músico experimental de Barcelona, que a través da súa guitarra leva a cabo un traballo profundo e cheo de matices, no que as tensións armónicas e as alteracións dos pedais sírvenlle para esculpir pezas dunha beleza enrarecida pero cativadora, rodeada polas ambientacións e o ruido, con brillos puntuais de piano e cunha voz difuminada e afogada nun segundo plano.
O carácter deconstruido das súas pezas lembra aos mundos de artistas tan queridos como Bill Orcutt ou Jim O’Rourke. O seu último traballo, “La pèrdua de l’estat”, coeditado polo seu selo, Boira Discos, xunto a Plug In The Gear e Bubota, inclúe 13 cortes protagonizados por unha guitarra eléctrica que toma vías inusuais, abruptas e escorridizas, para transmitir emocións cunha honestidade brutal e chea de imperfeccións.

Escoita!:
https://boiradiscos.bandcamp.com/album/la-p-rdua-de-lestat

Virán para acompañalo dous coñecidos nesta casa, Montse Piñeiro e Mateo Mena. Estes dous artistas andan a presentar no mes de decembro unha serie de colaboracións onde a música modular dos hipercubos será acompañada con animacións, ilusións ópticas, trebellos, imaxes estroboscópicas e vídeo en tempo real ao máis puro estilo soviético-festivo.
Bótalle un ollo ás artistas!:

Montse Piñeiro: https://montsepinheiro.com/
Mateo Mena: https://vimeo.com/mateomena

Desfruta desta noite de sábado aportando coma sempre un donativo de entre 5 e 10 euros, para que as artistas camiñen sempre por este mundo creando beleza!
Cartaz por Montse Piñeiro!