12 julio 2016

V Aniversario do Liceo Mutante



ani

Venres 15 e sábado 16 de xullo

Quieto todo o mundo!! Cumprimos cinco anos e, como nunca pansamos que chegariamos tan lonxe, celebrarémolo a todo meter. Levounos máis do esperado pechar por completo o cartel, pero o certo é que ó final quedou incrible. Explicámosvos como vai ser a cousa:

VENRES 15 (portas ás 19.00; concertos ás 20.00 PUNTUAIS):

FLUZO: Os sherifs. Veñen os sherifs. Non dou creto. Fluzo volven ao Liceo. A dialogar unha rumba por un teléfono do século XX. A sonorizar fresquísima fresquísima froita. A romper os discos do pasado en anacos e samplear os estalos en beats do futuro. A foder coas nosas mentes ata chegar ao orgasmo definitivo de ciencia ficción. E a que nos deixen cheirando funky forever.

Fluzo – Mundo Verde


PICORE: Picore levan o coitelo atravesado na piñata. Mandíbula moi tensa, Picore. Rock anguloso, turbio e aritmético. Berrido na escuridade do math noir. Veñen Picore desde Zaragoza a insuflar rechíos nos nosos pesadelos. Pero en plan guai.
https://picore-picore.bandcamp.com/

ESPOSA: Todas amamos a Esposa. Pola brisa, polo ritmo, polo sorriso, polo trote e polo galope. Polos Feelies, polos Modern Lovers, polos teclados, polas voces, polas ideas, polo timbal e pola caixa, pola melodía fráxil, imperfecta e infinita que alumea no noso xardín este verán, A LA SOMBRA DE LOS PINOS.
https://esposa.bandcamp.com/

SÁBADO 16 (portas ás 18.30; concertos ás 19.00 PUNTUAIS)

GIGANTO: Rock instrumental, poderoso e bailable. No seu CV figuran bandas como Adrift, Another Kind of Death ou Chingaleros. Veñen de gravar o seu novo disco, onde exploran novos camiños, diversifican ritmos e xogan coa intensidade coma se fora plastilina (ou plastelina, ou como cona sexa), o que deriva nuns concertos flipantes non: FLITUPIS A DIOS!!
https://giganto.bandcamp.com/

EMILIO JOSÉ: Heroe romántico de Quins, cronista gangsta-cotidiano da realidade ourensana, tropicalista galego e universal. Emilio José vén cos seus Indígenas a explicar o tema. A película. Comentar a xogada. Un persoeiro único que lidera a revolución das mentes daquí e faino suave e sabroso. Crepitante.
http://foehnrecords.bandcamp.com/album/emilio-jos-agricultura-livre-cd3

UNA BÈSTIA INCONTROLABLE: Una Béstia Incontrolable mesturan a violencia primitiva e o magma volcánico da rabia co mundo actual coa siquedelia escura do hardcore máis creativo. Liberdade absoluta e enerxía inabarcable. Tebras cegadoras e ruido reconfortante. Reclamados polos templos máis esixentes do punk europeo e mundial, veñen ao Liceo a celebrar o noso aniversario cun ritual de electricidade pura.
https://unabestiaincontrolable.bandcamp.com/

GÁRGARA: Ibon utiliza as posibilidades da voz na súa mais ampla definición: gorgoteos, murmurios, berros, recitacións dadaistas ou fonismos indescifrables; Miguel utiliza un Casiotone manipulado que soa entre música electroacústica, teclados charramangueiros dos 80, un órgano de igrexa e unha banda sonora de Lucio Fulci. Música estraña, mestura de atmosferas tensas, surrealismo absurdo, música dos primitivos, ruído e ciencia ficción.
https://www.facebook.com/gaargara/?fref=ts

ENTRADAS:
Entrada/día: 10€; abono 2 días: 15€.
Entradas á venta no Liceo Mutante os días de evento, no Estudio Pacheco (Rúa dos Ferreiros 18, Pontevedra) e no bar Verbena (Rúa Maceda nº 8, Pontevedra)
ANTICIPADAS: escribir a anticipadas.liceomutante@gmail.com

Guardar