Venres 30 de agosto ás 12.30
Este venres temos algo a un tempo especial e tradicional: volve Howie Reeve, o storyteller punk do baixo acústico, o bardo escocés do século XXI, Howie o FREE. Cóntanos un conto, Howie. E vén tocar nun evento especial, de vermú-comida, despedida do verán nun Liceo recén sementado coas sementes da festa masiva do aniversario, xa comezando o noso noveno ano sobre a Terra.
https://howiereeve.bandcamp.com/
Antes do concerto desde Barcelona, Dj Mario Playskraut vén nun tren bala magnético mirando pola ventá ora ao futuro, ora ao pasado, debatíndose entre unha sesión de Italodisco fluorescente ou unha escolma de ráfagas psych.
Despois do concerto: Pablo Electrocute
Entre o eclecticismo e o pastiche, entre a disonancia e a orde metronómica, Pablo Electrocute, zahorí de músicas ocultas e coleccionista compulsivo, concentra toda a súa experiencia e coñecemento, un pasado de música cargada de enerxía capaz de sobrevivir, grazas á súa pulsión rítmica, ao incerto futuro dunha audiencia que, en xeral, disocia diversión e baile. Desde os seus inicios como cofundador do Electrocute Zine a principios da década pasada, obsesionado polo vinilo como fonte de son, comezou as súas sesións en forma de atrevidos soundscapes caracterizados polo ruidismo, o afterpunk e a música experimental. Acuñou o concepto de “antiparty” exercendo de mestre de cerimonias en audicións performáticas cargadas de provocación onde se deixaba intuír a súa atracción por Merzbow, Hijokaidan e outros exemplos de música extrema. No 2007 fincouse en Berlín, onde ademais de atopar novos estímulos na práctica da improvisación libre, amplía a súa paleta sonora cara a novos territorios, rompendo fronteiras, concentrándose na fusión multicultural na súa faceta como picadiscos e descubrindo que os patróns rítmicos de África están en todas partes, impresos en cor vermella profunda. Pablo Electrocute elabora colaxes sonoras creando atmosferas que dan conta dos procesos de transformación emocional e espacial que xeran a música.
Abriremos portas ás 12:30, Djs estarán a cicelar esculturas sónicas na brisa da ría de Pontevedra e a cociña mutante porá as tartas a enfriar nas soleitas da fiestras. Así ata a media tardiña, cando pecharemos e iremos merendar por aí, que aínda será agosto!
Todo por un donativo para Howie, de entre 5 e 10€, como sempre, para que poda seguir a contar películas polo mundo co seu baixo. Polinización cultural, amigas!