30 julio 2018

VII Aniversario do Liceo Mutante



aniversario

Aquí está a celebración do noso VII Aniversario e unha vez máis cantamos claro e alto que seguimos vivas. Só coas nosas mans e cabezas e ganas de gozar dunha plataforma cultural que respira por medios propios sen anabolizantes nin caralladas varias.

Imos celebralo coas amigas Pablo Und Destruktion, Za!, Fiera, Esteban & Manuel, Sara Fontán, Maria Reis, PANTIS e Matadero. E farémolo en varias xornadas onde poderás catar un pouquiño disto e daquelo, un chisco de arte cada día!

Venres 3 de agosto

Fiera teñen droga da boa. Post-punk electrónico, fermoso e feridor, cancións que son coitelos afiados. Bailar pensando, pensar bailando. Dous discos fantásticos – Déjese Llevar e Alfaraje – que tocarán no templo para derretilo.

Non hai festa que toque máximos se non están Esteban & Manuel. Cumbiacore? Tecnhomerengue? Trouleada:

Matadero (antigos Matadero Cinco) son a aportación local e a próxima sensación. Post-hardcore abrasivo, belísima destrucción.

10€ en porta | Reserva (sen pago previo) – anticipadas.liceomutante@gmail.com

Sábado 4 de agosto

Pablo Und Destruktion estará in da house. De traxectoria impepinable e impensable, fuxidizo, cantautor anárquico do íntimo e o común, camiñante incansábel e mestre tanto do oropel coma do barro.

PANTIS é a danza escura e maldita. Electrónica abrasiva e fermosa, a xeito de cancións-río para bailar sen fin. O seu debut Pranto foi un prolegómeno incríbel, e o que se nos ven enriba promete abrasarnos e darnos de beber á vez.

Dende Lisboa ven Maria Reis, a metade de Pega Monstro, para facernos ensoñar e flipar co seu pop caseiro e pegañento. Garage do que rasca e fai soñar, unha auténtica delicia!
https://cafetrarecords.bandcamp.com/album/maria-ep

10€ en porta | Reserva (sen pago previo) – anticipadas.liceomutante@gmail.com

Ambas xornadas poden adquirirse xuntas en abono por 15 €

Xoves 9 de agosto

Za!: unha banda imposible. O grupo favorito das túas artistas favoritas. Mestres do sampling, os ritmos que semellan vir do espazo exterior e do futuro, multiinstrumentistas que non se sabe por que forza estrana da natureza se poden mover, master chefs da cociña underground…todo é pouco para describir a esta imprescindíbel parella de cataláns internacionais.

Este mesmo día Sara Fontán vainos facer o láser. Violín, pedais e cabliños e o que lle caia é suficiente para esta artista imprescindíbel. Vas flipar co seu despliegue de medios. Constructivismo para a emoción.

5-10€ en porta | Reserva (sen pago previo) – anticipadas.liceomutante@gmail.com

Os corazóns mutantes son infinitos pero o aforo do Liceo non o é, por favor, adquire a túa reserva para non pasar sustos!
Ven, celebra, goza, danza, escoita, opina e fai. Sete anos despois a porta está aberta, igual que sempre. Vémonos no VII Aniversario!

O cartaz do noso VII Aniversario foi elaborado polo máxico Berto Fojo