12 diciembre 2016

Ab Baars (Holanda) solo + dúo con Alexandre Losada



ab

Mércores 14 de decembro ás 20.30

É para nós unha ilusión xigante poder anunciar a visita de Ab Baars ao noso recunchiño de Mollabao.
Mostra da importancia de Ab Baars na música actual é a súa infinita nómina de colaboradores entre os que podemos destacar mestres absolutos e ben queridos nesta casa como: Sonic Youth, The Ex, Cecil Taylor, Anthony Braxton, Han Bennink, Steve Lacy, Fred Frith ou Roscoe Mitchell ademais de ser membro histórico da referencial ICP Orchestra.
Isto dá mostra da súa versatilidade xa que está igualmente cómodo improvisando coas bandas máis arriscadas e inclasificables do rock como con grandes referentes norteamericanos do free jazz ou pioneiros da improvisación libre europea

Ab Baars é un coloso dos instrumentos de vento. É historia viva do free jazz europeo. Mestre da composición aventurada e da improvisación. Domina o saxo tenor, o clarinete e o shakuhachi (un instrumento de vento xaponés feito de bambú) e fainos soar dun xeito fermosísimo e sorprendente, cunha intelixencia e lucidez fóra do común.
A súa música ten sido caracterizada como alegremente obstinada mais certamente atraínte, tan colorida como sorprendente.

«É difícil atopar un músico que poida tocar no momento tan intensamente como Ab Baars. É un músico xenuíno, que se afasta sempre do cliché, desafiádose a si mesmo (e á audiencia) na busca de novos sons e interaccións. Ás veces o seu son é fermoso, outras feroz, mais sempre é honesto, procendente dunha persoa cun enfoque excepcional e unha mente fascinantemente creativa.»


http://stichtingwig.com/abBaars/AbBaars.html

O evento contará con dous sets: o primeiro consistirá nun solo do músico holandés e o segundo nun dúo de improvisación libre co músico local Alexandre Losada na guitarra eléctrica, no que suporá o seu primeiro encontro. Alexandre leva anos traballando nas marxes das músicas improvisadas, libres, experimentais; explorando as posibilidades da guitarra como fonte de sons.

Pedírase unha axuda entre 5 e 8 € destinada integramente aos músicos