9 enero 2017

Ikizukuri



ikizikuri-2

Sábado 14 de xaneiro ás 20.30

Vaia, ás veces alucinamos do afortunadas e afortunados que somos de poder gozar de noites coma esta, na que nos visitan Ikizukuri.
Ikizukuri é un ensemble internacional do que sendo simplistas poderíamos chamar jazzcore mais se miramos un pouco polo miúdo observamos moito máis: teñen a liberdade e a abstracción do jazz mais tamén a pegada e contundencia do hardcore, a forza do rock máis foribundo e a experimentación coa electrónica analóxica pero nunca esquecen a precisión, a atención aos detalles, o traballo coas texturas e o coidado das dinámicas.
As diversas traxectorias destes músicos individualmente daría para escribir unha boa enciclopedia mais neste proxecto podemos comprobar como se ensamblan organicamente dando lugar a unha música de enorme forza, beleza e complexidade.

Ikizukuri son:
No baixo eléctrico temos a Gonçalo Almeida, vello amigo do Liceo no que xa nos abraiou co seu proxecto holandés Spinifex. O traballo de Gonçalo oscila entre o jazz contemporáneo, o free jazz, a improvisación libre, o rock e a composición.
Gustavo Costa, do Porto, encargado da batería, é tamén vello amigo do Liceo dende que nos visitou co alucinante Phonotipcon, un instrumento/escultura que nos deixou coa boca aberta. Ademais de impresionante batería Gustavo é inventor de instrumentos, compositor electroacústico e reputado improvisador que tocou con todo quisque.
Julius Gabriel de Alemania no saxo barítono, é membro da nova orquestra de Barry Guy, de The Dorf,e infinitos proxectos máis que van dende a música disco misturada co free jazz ás orquestras de improvisación colectiva.
Sukitoa o Namau de Marrocos é a encargada da electrónica, esta artista sonora con formación en danza contamporánea e artes visuais emprega o son para afondar en conceptos e procesos como a fascinación, a hipnose ou o trance.

https://www.facebook.com/sukitoaonamau/videos/

Coma sempre, pediremos un donativo-axuda entre 5 e 8 € para que, na medida das vosas posibilidades, poidades contribuír aos gastos dos músicos.

Guardar